5 Ago 2019 Cartel_exposición_adomar

A mostra reflicte realidades profesionais de mariscadoras, redeiras, comercializadoras e  percebeiras

A exposición permanecerá en Cariño do 9 ao 18 de agosto e en Muros do 20 ao 31 deste mes

Malpica de Bergantiños, 5 de agosto de 2019.- O Local Social do Concello de Cariño acollerá desde este venres, 9 de agosto, ata o vindeiro domingo 18, a exposición Abrandares, entre  augas e entre  fíos, composta por 15 cadros de escenas de traballo de mulleres  gallegas da pesca realizados por artistas valencianos.

A mostra forma parte dunha colección máis ampla de máis de 50 cadros promovida pola Asociación Does do Mar do  Grau de Gandía (Adomar), de Valencia,  froito dunha colaboración entre todas as asociacións de Anmupesca, fotógrafos e pintores da Comunidade Valenciana que quixeron participar na acción, interpretando nos lenzos e con distintas técnicas, as realidades profesionais das mulleres da pesca.

Así, na colección de cadros pódense ver distintas escenas de mariscadoras que saen a faenar, redeiras, comercializadoras de peixe ou mesmo detalles dos traballos destas profesionais.

Os cadros foron cedidos temporalmente por  Adomar a  Anmupesca e todos representan escenas de mariscadoras,  percebeiras, comercializadoras e  redeiras da Comunidade de Galicia, onde se atopa o maior número de entidades socias de  Anmupesca.

A inauguración da exposición no Local Social do Concello de Cariño terá lugar este venres ás 18.30 horas e permanecerá aberta de luns a domingo de 10.00  h a 13.00  h e 16.00 a 20.00  h. Despois de Cariño, o Edificio SEL do concello de Muros acollerá a exposición do 20 ao 31 de agosto.

A acción –as dúas exposicións en Cariño e Muros- é froito dunha axuda da Deputación provincial da Coruña a  Anmupesca  destinada a asociacións sen ánimo de lucro para a realización de actividades culturais.