6 Oct 2022

Anmupesca promove unha mostra fotográfica de socias de entidades con sede en distintos puntos da costa provincial

 Posteriormente, a exposición, na que colabora a Deputación Provincial de A Coruña e a Fundación Galicia Sustentable, visitará Camariñas e Muros

Malpica de Bergantiños, 5 de outubro de 2022.- Unha trintena de fotografías amosan desde este venres, 7 de outubro ata o 20 deste mesmo mes, no Centro Cívico de Malpica de Bergantiños a dureza das profesións das mulleres da pesca da provincia de A Coruña. A exposición que leva por título As mulleres da pesca: traballo invisible pero esencial inclúe instantáneas do traballo de mariscadoras e redeiras principalmente.

As mulleres da pesca: traballo invisible pero esencial é unha iniciativa da Asociación Nacional das Mulleres da Pesca (Anmupesca) na que colabora a Deputación Provincial de A Coruña e a Fundación Galicia Sustentable.

Anmupesca é unha entidade de ámbito nacional integrada por máis de 30 asociacións, na que están incluídas a Asociación de Redeiras Profesionais O Fieital de Malpica, a Asociacion de Redeiras Illa da Estrela de Corme, a Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao, a Asociación de Mariscadoras Río Anllóns, a Confraría de Pescadores de Camariñas, a Asociación de Mulleres do sector pesqueiro Seo de Fisterra e Ría de Muros-Noia, Asociación Profesional de Redeiras de Cariño, Asociación de Mariscadoras de Cariño e as Asociacións de Redeiras de Porto do Son e Portosín, todas elas, entidades da provincia de A Coruña.

A exposición amosa distintos momentos do traballo de mariscadoras e redeiras asociadas nas entidades da provincia de A Coruña, nos que se poden ver a implicación das mulleres co medio mariño no que desenvolven a súa profesión.

A presidenta de Anmupesca, Rita Míguez, destaca a idoneidade desta mostra para “seguir visibilizando un traballo duro desempeñado por mulleres de modo moi discreto ao longo da historia ”. “Iniciativas coma esta permítennos seguir dando a coñecer á sociedade as particularidades dos nosos traballos e concienciar da necesidade de mellorar as nosas condicións de traballo”, afirmou.

Pola súa banda, a Fundación Galicia Sustentable reivindica o traballo artesanal das mulleres da pesca e de máximo respecto co medio ambiente, axudando a conservalo e a preservalo para que siga xerando recursos no futuro.

A mostra permanecerá en Malpica de Bergantiños ata o 20 de outubro e posteriormente visitará Camariñas e Muros.